Noticias

A CIG elixe esta fin de semana a Suso Seixo para o seu cuarto mandato como secretario xeral

Congreso CIG

A CIG celebra esta fin de semana os seus VI Congreso para elixir á nova Executiva Confederal e o seu secretario xeral, cargo que revalidará, para o seu cuarto mandato, o actual líder do sindicato, Suso Seixo, dado que a súa é a única candidatura presentada.

A organización, que noutras ocasións debía facer a súa elección entre tres ou catro listas para a Executiva (caso do congreso de hai catro anos), terá unha soa opción tamén para este órgano, a que se presenta encabezada polo actual secretario xeral. En ambos os dous casos, a candidatura única foi “acordada polas distintas sensibilidades actuantes na central sindical”.

No congreso de 2009, Seixo revalidou por terceira vez o cargo con 381 votos a favor, o 71,3 por cento dos sufraxios. Nesta ocasión acudirán á cita 25 delegados internacionais; así como 540 delegados electos por estruturas e delegacións, 136 do Consello Confederal e outros seis da Comisión de Garantías.

O encontro arrancará, baixo o lema ‘É necesario, é posibel. Organización, loita, soberanía’, ás 9.00 horas deste sábado no Pazo de Congresos, coa recepción de congresistas e entre as 19.30 e as 20.00 horas presentaranse as candidaturas, tras o debate de diferentes documentos.

O domingo produciranse as votacións entre as 10.00 e as 11.00 horas para elixir Executiva Confederal, Secretaría Xeral e Comisión de Garantías, e procederase a continuación ao reconto. A partir das 11.30 horas farase a clausura.

“HAI QUE ESTAR ORGANIZADO”

Entre os temas que a CIG prevé abordar no congreso, Suso Seixo referiuse, na presentación da cita, ás medidas adoptadas polo Goberno, como a reforma laboral, e problemas como os das preferentes ou os desafiuzamentos. Así mesmo, repasará as súas alternativas para combater a crise en materias como os servizos públicos, a contratación ou o tecido produtivo.

As decisións “tómanas institucións con falta de control por parte da cidadanía e controladas polo poder financeiro”, critica o responsable da CIG, que chama a organizarse para combater o actual modelo.

O sindicato, explica, non cre que o cambio se poida lograr con “loitas espontáneas”. “Hai que estar organizado”, defendeu e sinalou que niso traballará o sindicato para convencer de que “a organización e o sindicato” son “máis necesarios que nunca”.

NON AO PACTO SOCIAL

“Só con loita e mobilización é posible o cambio”, sostén Seixo, que rexeita un pacto social entre sindicatos, patronal e goberno porque “sempre vai acompañado” de cesión de dereitos dos traballadores”.

Tamén reivindicará a CIG a soberanía de Galicia, en oposición a “unha centralización enorme do poder económico e político”.

volver