Noticias

O Concello de Santiago celebra o Día Internacional dos Dereitos do Neno

A concelleira de Familia e Benestar Social, María Castelao, presentou as actividades previstas con motivo desta conmemoración. Así, o sábado 16 de novembro, o Palacio de Congresos de San Lázaro acollerá dúas sesións, ás 16:30 e ás 19:00 horas, do Cantajuego, co seu espectáculo “A divertirse”. Segundo apuntou a responsable de Comunicación de XADE (Xestión de Actividades Deportivas e Espectáculos), Chelo Suárez, esta é a cuarta vez que o Cantajuego chega a Compostela, convertido xa nun “fenómeno infantil”. Desta vez, ademais, o espectáculo é “diferente” aos anteriores.

As entradas, a un prezo de 24 e 18 euros (dependendo da situación da butaca) poden mercarse a través das canles de venda de Novagalicia Banco: 902 434 443 e entradas.novagaliciabanco.es.

Nesta mesma xornada, o Palacio de Congresos acollerá diversas actividades para os nenos e nenas. Entre as 16:00 e as 19:30 horas, haberá talleres de gobloflexia, reciclaxe, elaboración de pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades, contacontos… Tamén durante esas tres horas e medias estarán instalados inchables e os rapaces poderán participar nun xogo de busca do tesouro.

O recinto contará igualmente con mesas informativas de asociacións e entidades de iniciativa social relacionadas cos dereitos das nenas e dos nenos.

Pleno infantil
As actividades con motivo do Día do Neno continuarán o mércores 20 de novembro, ás 11:30 horas, cando se celebrará un pleno infantil. O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañará os nenos dos colexios Peleteiro e La Salle nesta sesión especial, na que poderán ler o manifesto sobre os dereitos do neno sobre o que previamente traballarán nas aulas, coa colaboración de Uniceff.

María Castelao enmarcou estas actividades no esforzo municipal por programar actividades de lecer infantil e familiar. Neste sentido, lembrou a recente celebración do Día da Familia no Multiúsos do Sar. Esta é unha liña na que tamén traballa XADE, segundo indicou Chelo Suárez, que puxo como exemplos o Multixogo das tardes dos domingos en Sar ou os seus campus infantís.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

volver