Noticias

Un pleno infantil inicia os actos para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos do Neno

1353329279IMG_8912

A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado, presentou os actos, que comezarán na xornada do martes, ás 11:00 horas, coa celebración dun Pleno infantil. Nesta ocasión participarán 25 nenos e nenas do CEIP López Ferreiro. A intención do Departamento é que vaian pasando por este Pleno, cada ano, os diferentes centros escolares do municipio.

Coa mesma idea de facer visible este Día Internacional dos Dereitos do Neno, haberá unha xornada de actividades o sábado 24 no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en San Lázaro. Un dos eventos previstos é unha representación teatral a cargo de A Tropa de Trapo, en colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Nesta sesión, de balde, os 500 primeiros asistentes poderán presenciar a obra “Antía, Wamba e o regato pequeno”.

Xa dende as 16:00 horas e ata as 19:30 horas, desenvolveranse talleres para nenos e nenas de globoflexia, reciclaxe, elaboración de contos e pulseiras e chapas, maquillaxe, artesanía, manualidades e contacontos, entre outros. Nese mesmo horario estarán instalados os inchables e os rapaces poderán participar no xogo da busca do tesouro.

Durante a tarde, diversas entidades e asociacións de iniciativa social relacionadas cos dereitos dos nenos terán instaladas no Palacio mesas informativas. Está confirmada a presenza de Cruz Vermella, Unicef, Red Madre, Manaia, Asociación Compostelá de Nenos Hiperactivos e Fundación Meniños.

Segundo apuntou Paula Prado, accións coma estas enmárcanse no compromiso adquirido polo Concello con Unicef para que Santiago sexa Cidade Amiga da Infancia. Este compromiso inclúe tamén cuestións como a creación dun Consello da Infancia ou a elaboración dun Plan da Infancia para o municipio.

Esta iniciativa está incluída no proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

volver